“Meus pais adicábanse a produción de leite, e a vendelo, pero iso iase perdendo” comenta Xose Luis Carreira, impulsor de Arqueixal, como a maioría dos seus veciños, cando era mozo vaise da aldea. Con 26 anos regresa para tratar de emprender algo na casa, no principio procura impulsar unha cooperativa cos veciños da zona, mais non chega a fructicar esa idea. Decide entón arriscarse a producir queixo en solitario.
Vinte anos máis tarde, pasan de 13 vacas a 30 e producen ademais de queixo, iogur e leite e dende o 2000 en ecolóxico, sempre coa intención de poder diversificar a produción, tratando de vender no mercado máis próximo. “Creo que agora mesmo somos unha resistencia en toda está forestación das terras agrarias” argumenta Jose Luis e alerta de que se está abandonando moita terra agraria e substituíndoa por eucaliptos, aínda que esté normativa e legalmente prohibido.
Dende Arqueixal practican un modelo en espiral, que procura vender directamente aos propios consumidores, pero tamén comercializan en pequenas tendas, nalgunha cadea pequena de comercio ecolóxico, e sobre todo céntranse no mercado máis próximo, motivados tamén pola propia vida útil do leite fresco. Destaca ademais o suministro a grupos de consumo, do que cree que dan unha maior estabilidade tanto ao productor como ao consumidor.
Un feito diferenciador desta explotación é a da diversificación e unha aposta continua pola innovación, feito que os levou a impulsar no 2007 unha iniciativa de agroturismo, coa intención de valorizar o que teñen, para iso rehabilitaron un espazo con catro casas no lugar. A autoestima é un dos problemas, sinala Xose Luis “falamos moito do rural pero costa predicar co exemplo” cre que hai que vivir no rural e apostar por desenvolver proxectos ali mesmo, de aí a necesidade de crear un espazo como O Parladoiro de Arqueixal, un espazo construido e concebido para realizar encontros, charlas e presentacións nun entorno rural como é o de Albá, Palas de Rei, onde se encontra localizada esta Experiencia Productiva Innovadora.
Neste proceso constante de valorización e de educación reciben visitas de escolares na que relatan como era a vida de antes, na década dos cincuenta e de como é agora, de como ten cambiando o medio rural e de como se ten adaptado aos novos tempos. Estas experiencias e procesos son sementes que irán abrollando no futuro.
Grazas ás dotacións do espazo, puideron impulsar unha festa como é a de Son d´Aldea, na que contando coa colaboración da veciñanza, facilitaron a creación dun novo lugar de encontro no que “crear autoestima por ser de aldea”. Este proxecto, a festa, foi o que posibilitou que o resto dos veciños entendesen por fin o seu proxecto. A festa e a comida é, sen lugar a dúbida, o mellor camiño para entenderse e cooperar na aldea. Son d´Aldea ten dado moi bos resultados, acollendo a máis de 500 persoas en cada edición. A participación dos veciños foi fundamental, sen a súa colaboración non poderían terse embarcado nun proxecto de dinamización socio-turistico-cultural destas dimensións, no que procuran unha valorización holística dos recursos da zona “o que buscamos é que a comida sexa de productos da zona, unha maneira de visibilizar o rural. É un bo sitio para promocionar e é unha boa forma de concienciar aos consumidores”, apunta Xose Luis Carreira, volvendo a unha das demandas máis salientables dos productores, que poñen o acento no papel dos consumidores e da súa responsabilidade no acto da compra. Sen a súa corresponsabilidade, a viabilidade deste tipo de producións non tería chegado nunca.
Xose Luis Carreira defínese como un fiel defensor das denominacións de orixe, considera que cómpre destacar a importancia que tivo a DOP para unha comarca coma a da Arzúa Ulloa. Sen a existencia dunha denominación de orixe non se tería acadado as altas cotas de produción actuais, que sitúan a DOP como a segunda en volumen de quilos en todo o Estado.
Ante a cuestión da situación do sector do leite no periodo post-cuota, reclama un papel máis activo das administracións; como podería ser o de impulsar a produción de leite en pó, o que axudaría a cohesionar os prezos, para non ter a volatilidade que vive o sector na actualidade. Hai futuro no rural, mais hai que traballalo.