Somos “fillos da aldea” (notas sobre o Encontro Rural Imaxinado 2018, parte I)

Como investigadores/as coñecemos os procesos que se están dando no rural dende hai tempo, sabemos o que sucede no rural, pero aínda tendo isto en conta cómpre preguntarse: que procesos de eco agroinnovación se están dando? Que sucede e aínda non sabemos que existe? estas dúas preguntas son as que motivaron a creación dos encontros Rural Imaxinado, como ese lugar de encontro entre a universidade e a sociedade, co que dar cabida a esa capacidade de ensoñación que nos permita imaxinar esos novos mundos no rural que se están construindo a través de múltiples (EPIs) Experiencias Productivas Innovadoras que están tendo lugar no rural galego hoxe en día.

A sesión inaugurada polo catedrático en Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto; o alcalde de Vilar de Santos, Xoan Jardón e o técnico en I+D da rede ReVOLTA Fran Quiroga, daba conta do interese tanto da administración local como da univerisdade por atopar espazos híbridos de transferencia e intercambio de coñecemento no medio rural. Sair dos marcos da universidade é un compromiso dos grupos de investigación que forman parte da rede xa que abre novos diálogos cos que seguir afondando no estudo do medio rural, e non so como obxecto de estudo aillado, se nón como cuestión que nos afecta ás máis das cincuenta persoas que ateigamos o salón de actos do concello de Vilar de Santos.

A primeira mesa da mañá do día 9 centrábase na agroalimentación e comezou coa exposición de Eva González quen, xunto a Nelson Alonso, impulsou o proxecto Carabuñas, empresa que elabora productos como xaleas, mermeladas, cervexas ou licores a partir do sabugueiro. Esta planta que non tiña demasiado uso en Galicia e máis ben era considerada como unha mala herba foi a protagonista dun exitoso camiño no aproveitamento deste recurso ao que so se lle adoitaba dar uso como planta mediciñal a través de infusións. E escollen Vilar de Santos debido ás instalacións e infraestruturas alí dispoñíbles. Comezan a producir no 2015. e teñen a intención de pasar de 2ha de cultivo a 8 ha. Carabuñas foi quen de saber ler a sociedade, conectando as tendencias de consumo que xorden na sociedade e que tamén se dan a nivel europeo, á vez que buscaron vías alternativas de comercialización dun alimento producido de xeito sostible no rural. Mais para seguir afondando na comercialización deste producto cómpre que haxa un maior investimento publico na investigación dos beneficios desta planta, algo que xa están facendo en Portugal, máis non aquí.

A Arca da Noé, outra das experiencias presentadas no Encontro Rural Imaxinado, é unha dico tasca pensada para a difusión e dinamización cultural no medio rural. Tratan de non perder a conexión coa clientela local, é dicir, é un proxecto cunha oferta cultura ampla que tenta fusionarse coa demanda da cultural popular. Asi teñen impulsado: exposicións de pintores e deseñadores, cursos de música tradicional,proxeccións, programas de radio, mercado de artesanía, etre outras moitas iniciativas. A conxunción de lecer, con difusión cultural e con produtos locais actúan como elemento de conexión entre a poboación máis xoven e vella e como identificación de comunidade.

A investigadora Celtia Traviesas coa palestra “Comer comemos todas. A cidade como aliada” alertou sobre o fracaso das políticas europeas de desenvolvemento rural e contradicción cos políticas de conservación da natureza. Asi como enfatizou a necesidade de poñer de manifesto e recalcar o valor do rural dentro dos novos discursos sobre a necesidade de transformar as dinámicas económicas, así como á hora de tecer novas fórmulas como pode ser no marco das cidades do cambio. Os movementos e visións innovadoras que xorden dende o urbano deben ser quen de dirixir a ollada cara os saberes do rural e poñer en valor as lóxicas e dinámicas propias del de cara a pensar iniciativas e proxectos innovadoras que se poidan dar nas cidades. É dicir deixar de ver o rural como un espazo atrasado e reaccionario e atender tamén a procesos de cambio e transformación que tamén se dan nos entornos rurais. Neste caso sinalou a importancia do traballo das mulleres, as que máis resistiron as dinámicas de mercado, sendo as que levan protagonizando e impulsando a soberanía alimentaria dende hai anos.

Mais de novo xurden as limitacións administrativas, Luis Couto apuntou os aspectos sanitarios determinados polas normativas e como estas condicionan as actividade das/os produtoras/es. O paradoxo neste punto ten a ver coa regulación da produción en defensa dos consumidores, a saúde pública e como isto pode ser visto como trabas por parte dos pequenos produtores. O debate sinálase en torno aos seguintes termos: a protección oficial e os controis ata que punto poden influír ou xogar en contra dos produtores primarios e sobre todo dos pequenos produtores?. Neste sentido cómpre apuntar como a ciencia se encarga da avaliación de risco, mentres que a política encárgase da xestión do risco, A tensión entón cos produtores xorde a partir da lexislación que crea a política e o que é máis importante, no lexislador inflúe tamén os intereses das grandes corporacións. Por outro lado temos a percepción social do risco no que inflúen en gran medida os medios de comunicación. O caso máis paradigmático recentemente foi o do “leite cru” cunha campaña nos medios pola súa desacreditación tratándoo como un produto perxudicial para a saúde e que non tiña sentido tendo en conta os avances en materia de tratamento sanitario dos alimentos. A realidade é que o leite cru podería ser unha fórmula de comercialización directa para os pequenos produtores, o que evitaría intermediarios.

Rematamos esta primeria parte do encontro cun apunte feito polo profesor Lourenzo Fernández Prieto que sinalou que os galegos somos “fillos da aldea” con todo o que iso supón de identificación co rural, de transmisión de saberes e afectos pola terra, así como da posibilidade de construcción de alternativas a través desta condición.

[Este texto é a parte I do relatorio do Encontro Rural Imaxinado, continuamos coa elaboración dos seguintes textos. Este texto é os seguintes son o resultado dunha escrita colaborativa feita por Fran Quiroga, Bruno Esperante e Telmo Otero]