Que son os sistemas alimentarios territorializados? Pode pensarse de xeito colectivo unha nova estratexia alimentaria participativa? Existen plans alimentarios cos que definir estratexias e accións de cara mudar o sistema alimentario e facelo máis xusto? Estas preguntas foron as que nos levaron a organizar a Xornada “Pensar unha alimentación máis próxima” o pasado venres 22 de marzo, no Centro de formación e experimentación agroforestal Pedro Murias de Vilaframil, en Ribadeo.
Dende a Rede REVOLTA, unha rede composta por oito grupos de investigación das universidades galegas e focalizada na xeración de sinerxías ao redor da agroecoloxía l como xeito de intervención no territorio e de transformación social levamos un tempo pensando como se podería tecer unha estratexia alimentaria na bacía alimentar do Eo, entendendo a bacía como ese territorio de en torno a un radio de 50 km ao redor do río Eo. Nesta inquedanza cómpre ver se hai un interese social e institucional de cara a impulsar unha proposta destas características. Como primeiro resultado desta xornada pode indicarse que houboo, máis de corenta persoas xuntámonos nun encontro que tivo dúas partes diferenciadas, por un lado coñecer de preto experiencias semellantes e por outro indagar se hai unha base social que demande o impulso dunha transformación do modelo alimentario territorializado de cara a facelo máis sustentable e digno para as persoas que producen, distribúen e consumen.
Tras a benvida por parte de Lourenzo Fernández Prieto, catedrático en Historia Contemporánea e Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo, iniciou a conversa Olga Rada responsable do Ecomercado de Valladolid e técnica na Fundación Entretantos, con quen falamos sobre a “Estratexia alimentaria participativa de Valladolid” unha aposta por artellar a diferentes axentes na consecución dunha estratexia coa que mellorar a cadea alimentaria. Mediante diferentes fases crearon unha estratexia definida co fin de conseguir a implementación do seu programa, conseguindo “froitas maduras” (accións a curto prazo) que posibilitasen novas dinámicas de produción, comercialización e consumo acorde ao seu lema “produción de proximidade, de temporada e agroecolóxica”. Deste xeito, esta proposta nada dende a cidade e a sociedade civil, ten moito de inspirador para o posible proceso na bacía alimentar de Ribadeo.
Parte do éxito deste tipo de procesos ven determinado a través dunha nova cultura alimentaria na que participen e teñan voz tanto asociacións de veciños, como produtores, dietistas, responsables políticos, técnicos administrativos e tamén a propia universidade a través da análise e investigación con incidencia social.
A seguinte quenda foi para Jorge Blanco, xerente da Asociación Mariñas-Betanzos, quen mediante o Plan Alimentario das Mariñas analizou as diferentes actuacións co que procuran artellar unha meirande relación entre o campo a a cidade. A través da posta en valor da conservación do medioambiente e o desenvolvemento socioeconómico como eixo das súas actuacións, desenvolveron un plan de acción no que (a través da confluencia con diversos axentes sociais, da realización dun diagnóstico e dun mapeado de orientación produtiva) fomentaron a “volta ao campo”. Así, mediante iniciativas piloto fóronse acadando éxitos que mostran a capacidade dunha “solución ecolóxica” para dinamizar e valorizar o territorio. Aínda así, quedan moitos pasos que dar para a consolidación destas medidas, como a concienciación social ou a expansión e xeneralización destes procesos produtivos e de consumo.
Neste intento de pensar políticas e iniciativas de desenvolvemento territorial dende un punto de visto agroecolóxico (dende a óptica da soberanía alimentar) é esencial coñecer a demanda de consumo agrícola e a capacidade do territorio para facer fronte a mesma. Neste obxectivo encadrouse a intervención de Emilio Carral, profesor titular de Bioloxía Funcional da USC, quen expuxo os trazos xerais dunha análise sobre a capacidade produtiva da contorna da comarca de Ribadeo (3 concellos galegos e 3 concellos asturianos). Tendo por resultado un claro dominio da superficie adicada a terras de prado, pradeiras e forraxe, consecuencia dunha clara especialización deste territorio na produción de leite e carne, podemos concluír o gran traballo que queda por diante para acadar dita soberanía alimentar. Un traballo que debe centrarse na sociabilización e profesionalización do sector para acadar unha capacidade alimentaria digna, non só próxima, como destacou o profesor, que poña en valor as características propias da agricultura tradicional en conxunción cas novas tecnoloxías e modos de vida; “mirar cara atrás, non volver”, chegando a ruralizar o espazo urbano.
Na seguinte quenda da maña compartimos espazo e debate co consultor en innovación social Lucas Requejo, quen mostrou unha sorte de cata das sensibilidades e dinámicas xa existentes que poderían servir de panca coa que iniciar uns primeiros pasos cara unha bacía alimentar máis sostible. Nesta “revolución silenciosa” que se está a dar a través dunha maior conciencia ecolóxica e de benestar persoal así como unha cada vez maior perspectiva emocional con respecto a terra, observou como hai unha vontade e potencial de cara a transformar as políticas alimentarias, canto menos a un nivel municipal e comarcal.
Co resto das persoas participantes, e través da idea da conversa fomos panicando ao redor da idea que nos levou a organizar este espazo, que era a de analizar vontades de interese en colaborar e iniciar este proceso que combina investigación e acción participativa.
Así, incidiuse na necesidade de contar con dous elementos clave: vontade da administración e base social que esixa e apoie. Veuse como xa hai un conxunto de experiencias, quizais inconexas, como pode ser o mercado de domingo ao que acoden 12 ou 13 produtores situados nun radio de 50 kms desde Ribadeo, así como outras iniciativas, como obradoiros, ou Día do Produtor Local, etc. Tamén dende o ámbito cultural estase traballando por unha aposta por unha cultura de base, situada e arraiga no territorio como fai, por exemplo, a Asociación cultural Ollomao de Barreiros). Algunha das empresas presentes indicaron as dificultades de “mover” o producto e de como había que apostar por outros modelos de distribución alimentario. Así o SLG, tamén presente na xornada, mostrou o interese en camiñar cara unha soberanía alimentar, polo que un proxecto destas características encaixa dentro desta estratexia política. Cos GDRs, tanto o asturiano como o galego, falamos dalgunhas das liñas que están a levar adiante para potenciar o territorio e da necesidade de avanzar na colaboración entre ambas ribeiras do río Eo.
Iniciamos así un camiño, que iremos percorrendo xuntos, así que seguiremos avisando das seguintes paradas.