A Comunidade do Monte Veciñal en Man Común (CMVMC) de Carballo situada no concello de Friol (Lugo) leva apostando dende hai tempo por un proceso de valorización do mesmo, no que reivindica o monte non só como un piñeiral senón como moito mais.
“E que podemos facer aquí?” preguntouse Jose Manuel Piñeiral na súa incorporación como presidente da xunta rectora da comunidade. Basicamente este monte veciñal en man común era unha plantación de piñeiros, “nós entendíamos que o monte tiña que ser algo máis, un monte vivo” sinala Jose Manuel. A cuestión que determinou as accións desenvoltas nesa comunidade foi: “que produtos temos e como podemos valorizalos“
Pero como comezaron? Primeiro, rescindindo o convenio coa administración para poder pasar a unha xestión directa, recuperando, polo tanto, a capacidade de decisión. Tras dous anos conseguiron a rescisión do convenio e puideron comezar as actuacións que tiñan como obxectivo valorizar os recursos dos que dispón o monte.
Entre elas destaca ter acadado a certificación da madeira a través de FSC. Para iso contrataron a unha empresa especializada na xestión forestal e puideron conseguir unha certificación avalada por organizacións ecoloxistas, o que en teoría lles permitiu acceder a un mercado que valoriza economicamente a certificación, e polo tanto supón un maior incremento de ingresos para a comunidade.
Outras das apostas da comunidade foi á relacionada coa eido silvopastoril e co mundo equino “fixéronse moitas actividades relacionadas co cabalo, aínda que o principal custe é a rapa das bestas, que é realmente o que mantén vivo o proxecto, non so vivo, senón valorizado pola xente do lugar, o que permite mantelo. Senón o valora a xente do lugar, todo esto acabase” apunta Jose Manuel Piñeiral. Esta rapa das bestas supón unha actualización de traballos que facían veciños en currais pequenos, que aínda sen ser verdadeiros curros, respondían á mesma función. Actualmente esta rapa atrae a máis de mil persoas nunha aldea que dispón de non máis de 54 casas. Todo un éxito para unha comunidade que alén de introducir melloras na xestión productiva do monte, tamén apostou, por facilitar procesos de cohesión social como poden ser estas festas.
E se semellaba que con isto a comunidade xa tiña un bo percorrido, as accións continuaron, como pode ser a colaboración coa universidade, participando en diferentes proxectos de investigación ou o desenvolvemento de campañas de sensibilización.
A cultura é ou non é productiva? Quizais non economicamente pero si produce subxectividades, e por iso esforzáronse en editar unha revista anual, chamada dende o ano 2014: Un monte de cousas, realizada en colaboración coa Asociación Cultural Carballo Vivo coa que desenvolven en común diferentes accións, como pode ser a Festa do Comuneiro, un lugar de encontro e socialización dos veciños da parroquia ”unha das primeiras e mellores ideas que desde o punto de vista social, se fixeron” apunta o presidente desta comunidade de veciños. Ante a cuestión de se a chave do éxito ven máis motivada polo impulso social ou polo pulo á parte productiva, o presidente indica que “as dúas cousas, evidentemente necesitas que o económico sexa viable, para ter marxe para actividades dos socios, as dúas teñen que ir á par”.
En canto a outros aproveitamentos, destaca o micolóxico, sendo certificado polo CRAEGA e tamén a produción de mel, do que para este ano agardan duplicar a produción, “a ordenación forestal xa a temos máis ou menos organizada” sinala o presidente do CMVM, que apunta que criar porco celta.
Darlle unha volta ao monte e conseguir unha revalorización do monte é posible; e esto é o que están impulsando na comunidade de O Carballo, todo un exemplo da saber facer.