QUE É REVOLTA?

A rede REVOLTA de Agroecoloxía está composta por oito grupos de investigacións das universidade galegas e procura ser o lugar de encontro e debate ao redor da agroecoloxía e o medio rural galego.

A Rede de investigación ReVOLTA por unha Agricultura Sustentable pretende continuar sendo o a rede de interacción entre diferentes grupos de investigación que traballan ao redor da disciplinas como a ecoloxía, as enxeñerías rurais (agronómica e forestal), a economía agraria, os estudos da cultura, a bioloxía e a historia agraria. Nesta edición ten como obxectivo principal mellorar as capacidades científicas e abordar cunha maior efectividade o potencial de Galicia como un dos territorios europeos máis acaidos para o desenvolvemento dun sistema agrario futuro de menor pegada ecolóxica e maiores beneficios para a sociedade e mellor aproveitamento do territorio e das capacidades sociais para manexalo.

MISIÓN

A formalización desta nova Rede posibilita un diálogo transdisciplinar entre diferentes perspectivas de investigación que teñen o seu punto de encontro na Agroecoloxía e no estudo no mundo rural. Esta integración transdisciplinar aporta melloras significativas para cada un dos oito Grupos conformantes en ámbitos como o enfoque multidisciplinar, o intercambio de experiencias, a formación de investigadores, a internacionacionalización ou a concorrencia a convocatorias competitivas e, en xeral a potenciación das sinerxias  derivadas da interacción das capacidades de cada grupo de investigación o que redundará nunha mellora de competencia do Sistema Univeristario Galego e por extensión no propio pais.

As investigacións baseadas na perspectiva analítica agroecolóxíca constiúen unha liña sólida no presente, pero representan sobre todo unha inmensa oportunidade para o futuro (inmediato e a medio prazo), tendo en conta as posibilidades que ofrecen no deseño teórico e na implentación concreta dun modelo de desenvolvemento agrario sustentable, tanto no manexo, como na gobernanza no contexto dunha transición á bioeconomía que xa foi empezada a programar polos organismos internacionais. Este enfoque dende a Agroecoloxía e a Bioeconomía aínda pode (e na nosa opinión, debe) ser moito máis desenvolvido no contexto científico – académico do Sistema Universitario Galego. Neste sentido os Grupos que integran esta rede entenden que Galicia podería ser un (outro) laboratorio do que extraer ensinanzas para unha experiencia global.

Obxectivos

  • Partillar  e  multiplicar  os  coñecementos  e  experiencias  que  cada  un  dos  Grupos  da Rede  teñen,  para  que  o  deseño  e  manexo  dos  agroecosistemas  actuais  se  faga seguindo principios, prácticas e racionalidades ecolóxicas, baseados en diagnósticos xa contrastados.
  • Deseñar e impulsar propostas de recuperación de manexos sustentables do espazo rural para deter o seu deterioro demográfico, produtivo, social e cultural/patrimonial a través do impulso da transdicplinariedade na investigación tanto básica como aplicada dos grupos que conforman a rede.
  • Deseñar e impulsar Investigacións-Accións de Alimentación Sustentable en dúas comarcas galegas concretanto a liña anterior. 
  • Contribuir  ao  impulso  de  ecosistemas  de  innovación  e  de  investigación  entre  a universidade,  administración  e  sociedade  civil,  con  especial  interese  na  colaboración con Experiencias Produtivas Innovadoras (EPIS) polo seu carácter reproducible e efecto demostrativo para o impulso de agroecosistemas sustentable.
  • Avanzar  no  impulso  de  fórmulas  colaborativas e cooperativas coas  que  acadar  unha  meirande transferencia  da  investigación,  así  como   ampliar  o  retorno  social  dos    resultados científicos e mellorar a sinerxía de relacións entre grupos de investigación e a sociedade.