Compartimos o Programa provisional do evento agroecolóxico que se celebrará, en formato online, os días 1, 2 e 3 de xullo. Este programa completarase coas comunicacións e os relatos de experiencias agroecolóxicas que están a ser sometidas a avaliación polo Comité Científico.
Ata o día 16 de maio recibíronse 172 resumos, con propostas para seren incluídas como comunicacións científicas ou relatos de experiencias dentro do programa global do VIII Congreso Internacional de Agroecoloxía. Para o comité de organización ese número de achegas, procedentes de case 20 países diferentes, é unha mostra da importancia que está a ter a Agroecoloxía como proposta científica e política para loitar contra o cambio climático, contra a perda de biodiversidade, contra a inseguridade e a baixa saúde alimentarias asociados co actual modelo de producción e consumo de alimentos.
Cómpre resaltar que un 20% das propostas recibidas teñen que ver coas accións políticas (de ámbito local, rexional e estatal) desenvolvidas para impulsar o “salto de escala” da agroecoloxía. Isto mostraranos que son cada vez mais territorios, máis persoas e comunidades e máis empresas que fortalecen novas formas de producir alimentos, novos xeitos de facelos accesíbeis e novos procesos que reducen á súa mínima expresión os seus impactos ambientais.
Tamén se recibiron propostas de comunicacións e relatos de experiencias que mostran a reacción inmediata de diversos colectivos fronte á pandemia da COVD-19. Neste ámbito celebrarase un Obradoiro coordinado polo Sindicato Labrego Galego, coa participación de expertos internacionais.
Finalmente, confirmouse que Steve Gliessman, da Universidade California Santa Cruz, e Emma Siliprandi, responsable da FAO para o escalamento da agroecoloxía, impartirán dúas leccións maxistrais.
Se queres máis detalles, podes encontrar abaixo algúns adxuntos que te informarán das cuestións máis relevantes. Se precisas un contacto directo coa organización, por favor envía un email a cia2020@uvigo.gal
Máis info en http://economiaecoloxica.webs.uvigo.es/nova.php?id=92