Xa se pode descargar de balde o libro A través das marxes

A TRAVÉS DAS MARXES é un debullar desexos, encontros, esforzos, aprendizaxes e conflitos que xorde como acción de peche do Programa de Estudos en Man Común (PEMAN) tras máis de ano e medio de traxecto. Este espazo experimental de escoita, produción e intercambio de coñecemento entrelaza os comúns, as ruralidades e os feminismos, cunha estrutura que traduce o goberno dos montes veciñais en man común a unha comunidade de aprendizaxe.

Esta publicación fai fincapé no proceso que vivimos, é isto non é nimio: somos persoas de moi diferente procedencia, algunhas estamos fisicamente, outras na diáspora, e lemos a realidade dende ópticas diferentes, mesmo con contradicións entre elas. Nestas páxinas aténdese a unha realidade subalternizada dun xeito situado, dando conta de moitas das aprendizaxes, deconstrucións, da dor, e das emocións que nos atravesaron durante o proceso. A través do PEMAN e desta publicación queremos vindicar a capacidade que temos de facer en mancomún, así como a posibilidade de habilitar e fornecer diálogos e circuítos de coñecemento non hexemónicos.

A obra conta cos traballos de Montenoso, Fran Quiroga, Andrea Olmedo, Lara Dopazo Ruibal, Lourenzo Fernández Prieto, Helena Martínez, Colectivo1aun, Antonio Giráldez López, Joana Covelo Alonso, Iago Valverde Pérez, Agar Ledo, Lucía Castro, María Novas e Sofía Paleo, (Dexeneroconstrución), Llorián García Flórez, Olga Romasanta Iglesias, Andrea Rico Adega, Carmen Platero, Sabah Walid, Adela Vázquez, Lara Barros. Foi editado con cariño por Bartlebooth, unha plataforma móvil de edición e investigación que traballa nas marxes da arquitectura. 

O Programa de Estudos en Man Común (PEMAN) Ruralidades, Feminismos e Comúns, foi un espazo crítico de pensamento e acción, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela, a través do grupo de investigación HISTAGRA, os sete grupos pertencentes a rede REVOLTA e o colectivo Montenoso, e contou cunha amplia rede de colaboradores. O Programa obtivo a colaboración da Fundación Daniel e Nina Carasso, sen o seu apoio, este proxecto nunca puidera terse desenvolto. 

Pódese descargar o libro dende aquí