O Ibader, en colaboración co Laboratorio do Territorio da USC, convoca unha nova edición dos premios Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial.Os Premios “Rafael Crecente” están orientados a xoves titulados (de grao e máster) e buscan impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia.
A IV Edición dos premios foi convocada en Decembro de 2020 e o prazo para a recepción de propostas remata o 31 de marzo de 2021.Concederanse dous premios, un primeiro e un segundo, co recoñecemento formal a través dun diploma acreditativo e unha contía económica de 2.000 € e 1.000 € respectivamente. Na nova edición valoraranse, entre outras cuestións, a viabilidade práctica e aplicabilidade, impacto na sostibilidade territorial e a xestión dos recursos en Galicia, así como os compoñentes de innovación social, por exemplo, no ámbito da xestión da propiedade.
Nos seguintes enlaces atópase toda a información sobre os premios, entre ela, as bases da convocatoria e a relación de traballos presentados e premiados das edicións anteriores, que poden dar unha idea máis concreta das temáticas sobre as que poderían versar os traballos candidatos:
- Bases da IV Edición Premios Rafael Crecente (convocatoria aberta)
- Relación de traballos premiados e propostas recibidas (edicións anteriores)
- Entrega de premios III Edición: Vídeo epílogo coa nova convocatoria dos premios e homenaxe a Rafael Crecente
Os premios son convocados anualmente dende 2017 pola Universidade de Santiago de Compostela a través do Instituto de Biodiversidade e Desenvolvemento Rural (IBADER) e o Laboratorio do Territorio (LaboraTe). Son unha homenaxe á labor desenvolvida polo Dr. Rafael Crecente Maseda, profesor titular do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo e considerado coma un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia. Foi impulsor e coordinador do grupo de investigación Territorio – Biodiversidade, no que se integraron gran número de profesores e investigadores do Campus de Lugo e puxo en marcha a primeira plataforma tecnolóxica sobre SIX e información territorial, o Sistema de Información Territorial (SIT).