O 14 de maio arranca en Ribadeo a estratexia participativa Eo Alimenta

Tras un tempo traballando, xa se pode anunciar que o venres 14 de maio ás 17 terá lugar a xornada aberta e pública de arrinque de Eo Alimenta no salón de plenos do concello de Ribadeo. A estratexia alimentaria do río Eo (Ribadeo, Trabada, Barreiros, A Pontenova e San Tirso de Abres, Vegadeo, Castropol, Taramundi e Tapia de Casariego) é un convite para pensar entre todas e todos como se pode acadar unha alimentación máis san, xusta e sostible. Trátase dun proceso aberto co que a través de diferentes encontros irase trazando un plan coas accións correspondentes que axuden a conseguir un sistema alimentario máis sostible no territorio.

Nesa primeira sesión pública darase conta do proceso así como se procurará crear un grupo motor de traballo co que ir co-decidindo a estratexia alimentaria nos próximos meses. Seguirase a metodoloxía da Investigación-Acción-Partcipativa para acadar a maior participación posible de todos os axentes interesados nunha alimentación máis sostible. A xornada deste venres desenvolverase en dúas horas e con ela abordarase entre todas as persoas cales son as principais problemáticas do sector alimentario local, e así poder ir dando respostas nas seguintes sesións.  

A estructura da sesión será:

  • Presentación institucional (15min)
  • Marco global do proxecto (15min)
  • Dinámica Como sería unha alimentación sostoible ideal (1 h)
  • Creación dun Mapa coleborativo de Axentes da Alimentación Sostible (15 min)
  • Próximos pasos e outras cuestións (15min)

A Estratexia Alimentaria Participativa do Eo é impulsada pola Universidade de Santiago de Compostela, e conta na rede de socios co concello de Ribadeo, o Sindicato Labrego Galego, a Fundación Edes-Finca el Cabillón, O GDR Oscos Eo, o GDR Terras de Miranda e dispón, ademais, do cofinanciamento da prestixiosa entidade franco española Fundación Daniel e Nina Carasso. A web www.eoalimenta.org irá recollendo todos os pasos que se vaian dando nesta pioneria estratexia alimentaria.