A Rede de investigación ReVOLTA por unha Agricultura Sustentable é unha rede de interacción entre diferentes grupos de investigación das universidades galegas que traballan ao redor da disciplinas como a ecoloxía, as enxeñerías rurais (agronómica e forestal), a economía agraria, os estudos da cultura, a bioloxía e a historia agraria. A rede ven de sumarse á campaña na EN DEFENSA DOS MERCADOS DE ALIMENTOS DE PROXIMIDADE COMO GARANTES DE SEGURIDADE ALIMENTARIA NO ESTADO DE ALARMA.
A universidade non pode ficar allea e por iso asumimos como propios o manfiesto, que afirma o seguinte:
Nós, as labregas e labregos que damos vida aos mercados de proximidade na Galiza, diante da prohibición de poder exercer a nosa función como fornecedores de alimentos para a sociedade por mor das restricións impostas para enfrontar a pandemia do Covid-19, queremos manifestar:
- A nosa consternación ao ver como se nos discrimina, unha vez máis, en favor das grandes superficies comerciais, á hora de garantir o acceso en tempo de crise a un ben esencial como a alimentación.
- A nosa perplexidade, cando constatamos a diferenza de criterios entre administracións, con comunidades autónomas que autorizan expresamente os mercados de proximidade e outras, como a galega, que os prohiben; con concellos que regulan esta venda directa en tempo de crise e outros que a clausuran sen máis.
- O noso convencemento de que os nosos alimentos e os nosos mercados, aplicando as normas establecidas polas autoridades sanitarias para evitar a transmisión do Covid-19 e o agravamento da pandemia, son máis seguros nas actuais circunstancias por celebrarse ao aire libre ou en espazos amplos como prazas de abastos, por non haber intermediarios entre a produción e o consumo final, por non xerar aglomeracións humanas, e por termos, porque así nolo esixe a normativa, unha mellor e máis completa formación en cuestións hixiénico-sanitarias que a maioría do persoal que traballa en grandes superficies comerciais.
- A nosa indefensión porque, sendo sector primario, se nos priva de exercer a nosa principal actividade económica sen ningún tipo de compensación ou alternativa que mitigue o grave deterioro financeiro que sufriremos nas vindeiras semanas. Nese sentido, botamos de menos medidas que se poderían impulsar dende as administracións, como a compra pública de alimentos para que os servizos sociais os inclúan na distribución de cestas de alimentos ás familias que os precisen, ou mesmo incorporar os nosos medios e experiencia no reparto domiciliario de cestas de produtos.
- A nosa impotencia porque a maior parte dos alimentos que producimos son frescos e sans e, polo tanto, neles non empregamos conservantes químicos ou refrixeración para atrasar o seu deterioro, como si fará a agricultura industrial para poder vendelos cando se levanten as restricións.
Por todo iso, pedímoslle á Consellaría de Medio Rural, en colaboración cos concellos, que faga todos os esforzos necesarios para que, a partir do 31 de marzo, volva autorizar os mercados de alimentos de proximidade, preocupándose de que dispoñan dos medios materiais e humanos necesarios para organizar e aplicar correctamente todos os protocolos de seguridade a que obriga a orde do 23 de marzo de 2020 sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados.
Máis información do manifesto, dos asinantes e de como apoiar o manifesto, aquí: https://framaforms.org/en-defensa-dos-mercados-de-alimentos-de-proximidade-como-garantes-de-seguridade-alimentaria-no